A cociña galega de Cunqueiro.

Trouxéronme chourizos, queixo, botelo, costela, chuletas, ovos, Comer en Galicia de Jorge-Victor Sueiro e A Cociña Galega de Cunqueiro. Neste último, que foi o meu primeriro libro de cociña, houbo un fragmento que nunca esquecín e aquí está:

"Así están, digo eu, estes coma viquingos de mouro vestidos nunha asamblea de cascos que era unha das maneiras que os poetas escaldos tiñan para dicir batall, na condición óptima para seren comidos. Longos, sempre están fraques, e o enrugo da súa pel parece que pasa á súa carne. Agora andan moi escasos, e máis caros que a langosta ou a centola, ou as ostras. Os máis que un chega a xantar son pequeneiros, apenas se pode levar á boca máis que unha miñoquiña colorada, e todo o que se papa é auga salada. Pero de cando en vez, de San Ciprián, dos farallóns orteganos, do Fisterra ou de Corrubedo, chegan á mesa na que está un sentado uns percebes coma o polegar dun carpinteiro -que din que sempre o ten máis esteso, por andar medindo cartas, que os homes outros-, cheos, coma se non lles fixesen a roupa para as medras de aqueste inverno, cuspindo ao abrilos, polo apretados que están, un zugo roxizo, que é unha perda, que está mellor na boca que nas camisas..."
Safe Creative #0812200054710
Free Counter